Neko




Inicio Autor Arquivos Etiquetas Ranking Campañas Resumos      

-¡Podeis colaborar con la página pinchando en los anuncios!

domingo, maio 28, 2006

Amunike


Emmanuel Amuneke (nado o 25 de decembro de 1970 en Eze Obodo) é un ex fútbolista nixeriano. Xogou varios partidos internacionais co equipo de fútbol nacional de Nixeria, formou parte do equipo que participou na Copa Mundial de Fútbol de 1994 e gañou a Copa de Nacións Africanas de 1994. Tamén axudou a gañar a medalla olímpica de ouro de fútbol en Atlanta 1996.

Ademais recentemente gañou títulos de liga en Nixeria e Exipto. En 1994 fichou no Sporting Clube de Portugal, e se volveu popular tras marcar un gol triunfante contra o seu rival, o SL Benfica. Fichouno o FC Barcelona por $3.600.000 (case 3.000.000 €) durante a tempada 1996/97, pero só completou unha temporada antes de lesionarse. Os seus problemas de xeonllo o apartaron incluso do Mundial de Francia de 1998. Amuneke nunca se recuperou totalmente, e retirouse tras xogar unha tempoda final en Xordania.


ClubPaísAno
Concord FC(vai ti saber...)1990
Julius BergerNixeria1991
ZamalekExipto1991-94
Sporting de LisboaPortugal1994-96
FC BarcelonaEspaña1996-00
Albacete BalompiéEspaña2000-02
Al WehdatXordania2003-04


Actualmente, nas televisións española e catalana aparece nun anuncio donde se bromea sobre a súa falta de éxito no Barcelona. Fai o papel dun empresario formando un negocio vendendo videos coas súas habilidades futbolísticas. O anuncio do seu video di "mira o seu saque de banda unha e mil veces", repetindo mentres unha escena del mesmo intentando efectuar un saque de banda. O anuncio amosa tamén un regalo, o video "Aprende a bailar con Amunike", onde se lle ve bailar sen gran experiencia, nunha discoteca, repetindo o movemento do seu saque de banda.



Contrariando á crenza popular, o seu nome é Amuneke, e non Amunike.

Sen máis...

Etiquetas: ,

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 5:24:00 da tarde por kaka      3 comentarios

sexta-feira, maio 26, 2006

Parábola do venres: Vida dunha folla


O comezo...

Era unha vez unha folla, que crecera moito. A parte intermedia era larga e forte, as cinco puntas eran firmes e afiladas. Xurdira na primavera, como un pequeno brote nunha póla grande, preto do tronco dunha árbore alta.

A Folla estaba cercada por centenas de follas, iguais a ela. Ou polo menos así parecía.

Mais non demorou moito para que descobrise que non había dúas follas iguais, a pesar de estaren na mesma árbore.

Alfredo era a folla máis próxima. Mario era a folla da súa dereita. Clara era a linda folla que tiña encima. Todos cresceran xuntos. Aprenderan a danzar á brisa da primavera, esquentar indolentemente ao sol do verán, a se lavar na choiva fresca. Mais Daniel era o seu mellor amigo.

Era a folla maior da rama e parecía que estaba alí antes que calquera outra. A Folla achaba que Daniel era tamén o máis sabio. Foi Daniel quen lle contou que eran parte dunha árbore. Foi Daniel quen lle explicou que estaban crecendo nun parque público. Foi Daniel quen lle revelou que a árbore tiña raíces fortes, escondidas baixo a terra. Foi Daniel quen lle falou dos paxariños que se viñan pousar na rama e cantar pola manhã. Foi Daniel quen lle falou sobre o sol, a lúa, as estrelas e as estacións.


A primavera pasou. E o verán tamén. Fred adoraba ser unha folla. Amaba a súa póla, os seus amigos, o seu lugar ben alto no ceo, o vento que o sacudía, os raios do sol que o quentaban, a lúa que o cobría de sombras suaves.

O verán fora excepcionalmente ameno. Os días quentes e compridos eram agradábeis, as noites suaves eran serenas e poboadas por soños. Moitas persoas foran ao parque naquel verán. E sentaban baixo as árbores. Daniel contou lle a Folha que proporcionar sombra era un dos propósitos das árbores.

- ¿Que é un propósito? - preguntou a Folla.

- Unha razón para existir - respondeu Daniel.

- Tornar as cousas máis agradábeis para os outros é unha razón para existir. Proporcionar sombra aos velliños que procuran escapar do calor das súas casas é unha razón para existir.
A Folla tiña un encanto todo especial polos velliños. Sentaban en silencio na herba fresca, mal se mexían. E cando conversaban era aos susurros, sobre os tempos pasados. Os nenos tamén eran divertidos, aínda que as veces abrisen buracos na codia da árbore ou gravasen os seus nomes. Mesmo así, era divertido observar aos rapaces. Mais o verán da Folha non tardou en pasar. E chegou ao fin nunha noite de outubro.

A Folla nunca sentira tanto frío. Todas as follas se estremecían co frío. Ficaran todas cubertas por unha camada fina de branco, que nun instante se derretiu e as deixou encharcadas de orballo. Mais unha vez, foi Daniel quen explicou que habían experimentado a primeira xeada, o sinal que era outono e que o inverno viría en breve.

Case que inmediatamente, toda a árbore, máis que iso, todo o parque, se transformou nun esplendor de cores. Case non quedaba unha folla verde. Alfredo se tornou amarelo intenso. Mario adquiriu un laranxa brillante. Clara virouse nun vermello ardente. Todos estaban lindos. A Folla e os seus amigos converteran a árbore nun arco da vella.

- ¿Por que ficamos de cores diferentes, se estamos na mesma árbore? - preguntou a Folla.

- Cada un de nós é diferente. Tivemos experiencias diferentes. Recibemos o sol de xeito diferente. Proxectamos a sombra de xeito diferente. ¿Por que non íamos ter cores diferentes?
Foi Daniel, coma sempre, quen falou. E Daniel contou aínda que aquela estación maravillosa se chamaba outono.

E un día aconteceu unha cousa estraña. A mesma brisa que, no pasado, os facía danzar comezou a empurrar e tirar dos seus talos. Iso fixo que algunhas follas fosen arrincadas das súas pólas e levadas pola brisa, reviradas polo ar, antes de caeren suavemente no chan. Todas as follas ficaron asustadas.

- ¿Que está acontecendo? - preguntaran unhas ás outras, aos susurros.

- É iso o que acontece no outono - explicou Daniel - É o momento en que as follas
mudan de casa. Algunhas persoas o chaman morrer
.

- ¿E todos nós vamos morrer? - preguntou Folla.

- Imos si - respondeu Daniel - todo morre. Grande ou pequeno, fraco ou forte, todo morre. Primeiro cumprimos a nosa misión. Experimentamos o sol e a lúa, o vento e a choiva. Aprendemos a danzar e a rir. E, despois morremos.

- ¡Eu non vou morrer! - exclamou Folla, con determinación - ¿Ti si, Daniel?

- Vou si... cando chegue o meu momento.

- ¿E cando será iso?

- Ninguén o sabe con certeza. - respondeu Daniel.
A Folla notou que as outras folhas continuaban a caer. E pensou: "Debe ser o seu momento". Ela viu que algunhas follas resistían ao vento, outras simplemente se entregaban e caían suavemente Non demorou moito para que a árbore estivese case espida.

- Teño medo de morrer. - díxolle Folla a Daniel - Non sei o que hai alá embaixo.

- Todos temos medo do que non coñecemos. Iso é natural. - di Daniel para animala - Mais non tiveches medo cando a primavera se transformou en verán. E tampouco cando o verán se transformou en outono. Eran mudanzas naturais. ¿Por que debería estar con medo na estación da morte?

- ¿A árbore tamén morre? - preguntou - ¿Para onde imos cando morremos?

- Ninguém o sabe con certeza... É o gran misterio.

- ¿Voltaremos na primavera?

- Tal vez non, mais a vida voltará.

- ¿Entón cal é a razón para todo iso?
- insistiu a Folla - ¿Por que viñemos para aquí, se ao final íamos caer e morrer?
Daniel respondeu ao seu xeito calmo de sempre:

- Polo sol e pola lúa. Polos tempos felices que pasamos xuntos. Pola sombra, polos velliños, polos rapaces. Polas cores do outono, polas estacións. ¿Non é razón suficiente?
Ao final daquela tarde, na claridade dourada do crepúsculo, Daniel se foi. E caeu a flutuar. Parecía sorrir encanto caía.

- Adeus. - díxolle á Folla.
E despois, Folla ficou soíña, a única folla que quedaba na póla. A primeira neve caeu á mañá seguinte. Era macia, branca e suave. Mais era moi fría. Case non houbo sol naquel día... E foi un día moi curto. A Folla se descobriu a perder a cor, a ficar cada vez máis fráxil. Había sempre frío e a neve pasaba sobre ela. E cando amanceu veu o vento que arrincou a Folla da súa póla.

Non doeu. Ela sentiu que flutuava no ar, moi serena. E, mentres caía, ela viu a árbore enteira por primeira vez. Era forte e firme. E tivo a certeza de que a árbore viviría moito tempo, e comprendeu que fora parte da súa vida. E iso deixouna orgullosa. A Folla pousouse nun monte de neve. Estaba macio, ata mesmo aconchegante. Naquela nova posición, Folla estaba máis confortábel do que xamais se sentira.

Ela fechou os olhos e adormeceu. Não sabia que a primavera se seguiria ao inverno, que a neve se derretería e viraría auga. Non sabía que a folla que era, seca e aparentemente inútil, se xuntaría coa auga e serviría para tornar a árbore máis forte. E, principalmente, non sabía que alí, na árbore e no chan, xa había planos para novas follas de primavera.

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 7:41:00 da tarde por kaka      0 comentarios

segunda-feira, maio 22, 2006

Aniversario de Cocojo


Pois como adoito facer nestas ocasións, hoxe non vai ser menos, por iso vou felicitar aquí a Jacobo, alias Cocojo, polo seu aniversario. Así que isto é o que hai:



¡¡Parabéns amigo!!

Que cumpras moitos máis, desexarche teñas un bo ano, que pases un mellor día, que medres moito e todas esas gaitas que digo sempre... E que a túa fichaxe polo CDM se concrete o antes posíbel, que xa vou precisando un sustituto.

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 8:58:00 da tarde por kaka      5 comentarios

domingo, maio 21, 2006

Meme: se fora...


Hoxe vou facer algo que xa quería facer dende un tempo: iniciar un meme. Non por nada especial, simplemente porque non o fixera nunca e para sentirme un pouco máis blogueiro. E fágoo poñendovos aquí un test que me chegou hai tempo por correo, que a min persoalmente me gustou.

Podedes participar todos os que queirades, pero especialmente pido a colaboración dos mencionados ao final, o único que tendes que facer é dicir quen vos invitou a participar, contestar e invitar a 5 persoas. ¡Ánimo!

  • Se fora un mes: Agosto.


  • Se fora un día da semana: Venres.


  • Se fora un momento do día: o luscofusco.


  • Se fora un planeta: Plutón.


  • Se fora un animal: unha persoa.


  • Se fora un moble: unha cadeira.


  • Se fora unha bebida: diría Coca-Cola, pero explota nenos, entón... auga.


  • Se fora un instrumento musical: o birimbao.


  • Se fora unha froita: sandía.


  • Se fora unha canción: "¿Por qué no ser amigos?", de Hombres G con Dani Martin e "No dudaría", de Antonio Flores.


  • Se fora unha asinatura: Matemáticas.


  • Se fora unha parte do corpo: o pelo e as mans.


  • Se fora un obxecto: unha pelota.


  • Se fora unha comida: a miña famosa ensalada de pasta.


  • Se fora un personaxe animado: Mark Lenders.


  • Se fora un número: 14 (ou o número pi).


  • Se fora un coche: Audi TT.


  • Se fora unha cidade: Santiago de Compostela.


  • Se fora unha dor: non me gustaría ser nada diso.


  • Se fora un mar: o Atlántico.


  • Se fora un idioma: Galego.


  • Se fora unha flor: Rosas vermellas.


  • Se fora unha cor: todos en plan arcoiris.


  • Se fora un verbo: Ser.


  • Se fora unha estación: Inverno.


  • Se fora unha prenda de vestir: camiseta.


  • Se fora un libro: "Déjame que te cuente...", de Jorge Bucay.


  • Se fora un país: Galiza.


  • Se fora un lugar: ¡¡Angrhois!!.


  • Se fora un deporte: Fútbol sala.


  • Se fora unha película: "El pianista" de Roman Polanski.


  • Se fora unha marca: psse...


  • Se fora unha serie: Los Serrano.


  • Se fora unha páxina web: claramente, esta.


  • Se fora un sabor: doce.


  • Se fora un signo do zodíaco: Leo.


  • Se fora un perfume: Chrome de Azzaro.


Invito a participar

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 10:23:00 da tarde por kaka      4 comentarios

sábado, maio 20, 2006

Barça campión


Quero felicitar ao Barça por realizar unha tempada memorábel. Campión de Liga por segunda vez consecutiva, dende o mércores tamén Campión de Europa, que non é pouco. Demostrou sobradamente ser, senón o mellor, si dos mellores equipos do mundo.

Parabéns para os afeccionados do Barça e do fútbol en xeral. Alédome de que gañase o Barça (aínda que recoñezo que se perdera o ía pasar moi ben ríndome dos afectados...). Pero aínda me custa imaxinar a un paisano pagan un millón de pesetas (o que hoxe son 6000 €) por unha entrada na revenda. Pero isto é só un exemplo do que pasa sempre nestos casos...

Síntome raro cando lle adican unha barbaridade de programas especiais nos medios de comunicacións, máis de 30 minutos no telexornal, as portadas dos xornais... xunto con noticias sobre a fame, as pateras e as guerras de medio mundo que pasan desapercibidas cando non son directamente ignoradas.

E así vai o mundo, a peña atura 30 horas de autobus para ver un partido, ou que se xunten medio millón de persoas para celebrar a victoria... cando non é parar beber ata o auga dos floreiros nun macro-mega-ultra-super-hiper-botellón. E penso na cantidade de cousas que son, sen ningún tipo de dúbida, moito máis importantes polas que merece a pena loitar e todas esas que é necesario cambiar e non se fai nada ao respecto.

Por non falar dos salarios. Ronaldinho cobra practicamente 50 € por minuto. E as botas que usa fainas un rapaz por menos de 1 € ao día. Sacade as vosas propias conclusións.

O Barça consiguiu moi merecidamente á súa segunda Copa de Europa, e mentres o mundo vai de mal en peor.


Perdoade que fastidiara o post en plan augafestas, pero era inevitábel.

Sen máis...

Etiquetas: , ,

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 7:09:00 da tarde por kaka      3 comentarios

sexta-feira, maio 19, 2006

Parábola do venres: O violinista


Érase unha vez un gran violinista chamado Paganini.

Algúns dicían que era moi estraño. Outros, que era sobrenatural. As notas máxicas que saían do seu violín tiñan un son diferente, por iso ninguén quería perder a oportunidade de ver o seu espetáculo.

Nunha certa noite, o palco dun auditorio repleto de admiradores estaba preparado para recibilo. A orquestra entrou e foi aplaudido. O mestre foi ovacionado.

Mais cando xurdiu a figura de Paganini, triunfante, o público delirou.

Paganini coloca o seu violín no ombreiro. Breves e semibreves, fusas e semifusas, corcheas e semicorcheas parecen ter ás e voar co toque daqueles dedos encantados.

De súpeto, un son estraño interrompe o devir da orquestra. Unha das cordas do violín de Paganini arrebenta. O mestre parou. A orquestra parou. O público parou. Mais Paganini non parou.

Ollando para súa partitura, continua a tirar sons deliciosos dum violín con problemas.

O mestre e a orquestra, empolgados, voltan a tocar.

Mal o público se acalmou cando, de repente, outro son pertubador chama a atención dos asistentes. Outra corda do violín de Paganini rompe.

O mestre parou de novo. A orquestra parou de novo. Paganini non parou.

Como se nada tivese acontecido, esqueceu as dificuldades e avanzou tirando sons do imposíbel. O mestre e a orquestra, impresionados voltan a tocar. Mais o público non podería imaxinar o que iría acontecer. Todas as persoas, pasmas, berraran:

- ¡OOHHH!
Unha terceira corda do violín de Paganini se quebra. O mestre para. A orquestra para. A respiración do público tamén para. Mais Paganini non para.

Como se fose un contorcionista musical, tira todos os sons da única corda que quedara naquel violín destruído. Ningunha nota foi esquecida. O mestre empolgado se anima. A orquestra se motiva.

O público parte do silencio para a euforia, da inercia para o delirio. Paganini atinge a gloria.

O seu nome corre a través do tempo. El non é apenas un violinista xenial. É o símbolo do profesional que continua ante do imposível.

Eu non sei que problemas tes. Mais sei unha cousa. A vida sempre lle deixará unha última corda.

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 6:45:00 da tarde por kaka      1 comentarios

quarta-feira, maio 17, 2006

Porque temos, porque queremos, porque debemos


Porque temos unha lingua propia. Unha lingua que nos une como galegas e galegos e que contribúe ao noso xeito de ver o mundo.

Porque queremos poder utilizar esta lingua para calquera cousa do noso día a día e que calquera galega ou galego poida gozar tamén do seu uso. Para xogar, para ouvir a radio, para facer xestións por internet, para casar, para soñar...

Porque debemos protexer unha das nosas grandes riquezas como pobo.


Porque temos, porque queremos, porque debemos, as persoas e entidades que apoiamos esta mobilización do 17 de maio de 2006, conscientes do reto histórico, demandamos para que no novo Estatuto de autonomía figure o galego como “dereito e deber” ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade:

1.- Que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua.

2.- Que se recoñeza o dereito a usar e o deber de coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos.

3.- Que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos.

4.- Que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. O persoal ao servizo das Administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego como lingua propia das Administracións galegas e as situadas na Galiza.

5.- Todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística.

6.- Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.

7- Que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE.

8.- Que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués.

9.- Que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.


Porque temos unha lingua propia e queremos vivir e aprender en galego, hoxe debemos exixir o cumprimento do noso dereito.

Sen máis...

PD: fragmentos do manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística.

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 2:59:00 da tarde por kaka      0 comentarios

segunda-feira, maio 15, 2006

CSS Reinicia


Hoxe vouvos falar dunha iniciativa que atopei no blog do compañeiro de Atún tun tun..., que é o responsábel do proxecto: CSS Reinicia.


Consiste en cambiar o deseño dos nosos blogs todos a un tempo. Xa houbera iniciativas semellantes, pero esta distínguense porque vai enfocada unicamente á comunidade de blogueiros hispanofalantes. O obxectivo, demostrar a nosa calidade como deseñadores. O reinicio sería o 15 de Agosto, dentro de 3 meses, para que haxa tempo dabondo para facer un deseño. É gratuito e só tendes que anotarvos, e logo o resultado será valorado polos milleiros de participantes que se agarda que se animen.

E agora ben, no que a min respecta non sei que facer e quero consultárvolo a vós... dubido porque me dá mágoa cambiar este deseño que tanto traballo me deu e ao que tanto cariño lle pillei, e por outra banda non sei se sería capaz de facer un novo que me gustase tanto coma este... se non fora por iso xa estaría inscrito, pero é iso, que joba, se vou cambiar, quero facelo para mellor e non porque me de o arroute.

Veña, poríavos unha enquisa a modo de refenrendum peroro que contestedes nos comentarios para que argumentedes a vosa opinión.
¡¡Moitas Grazas!!


Comeza a conta atrás...

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 1:40:00 da manhã por kaka      1 comentarios

sábado, maio 13, 2006

Cun libro, un toxo en flor


Cun libro, un toxo en flor.

Na Galiza celebramos todos os anos o "día do libro". Seguindo o costume procedente da lenda de San Xurxo, de orixe intrinsecamente galega como todos e todas sabemos, tamén hai quen regala a tradicional rosa.

O Día das Letras Galegas ten que servir non só para reivindicar e promocionar a nosa lingua e literatura, senón tamén para potenciar e poñer en valor a nosa cultura e yradicións, recuperándoas cando sexa preciso, ou reinterpretándoas no seu caso para reforzar a súa razón de ser e darlles o pulo que necesitan hoxe en día.

Dende distintas fontes, xa se ven reivindicando dende fai moito tempo a identidade do toxo como planta nacional de Galiza, chegando a propoñer que en troques de importar modas absurdas, se regalase con cada libro un toxo en flor ou, en todo caso, unha pola de xesta. Así, autores coma Manolo Rivas, Xaquín Lorenzo ou o mesmo Castelao teñen prestado ao toxo a atención que merece e dignificado a súa personalidade como planta enxebre chegando o primeiro deles a facer a proposta do regalo formado polo binomio toxo-libro para o Día das Letras Galegas:

"O toxo is beautiful:

A xente fala moi mal do toxo, malia a da súa acelerada desaparición. Faino culpábel de moitas cousas, como semente do demo. Mais a mellor primavera galega, quen di que non?, é a primavera do toxo. Toxo que viste de ouro os montes, fai festa nos ollos, e a xente fica abraiada a unha película que proxecta a terra: Carallo co toxo!

Teño visto noutros países xardíns con xestas e lucían coma as raíñas da foresta. Non había toxo, porque o toxo debe ser case un exclusivo patrimonio galego. Pero, de habelo, aínda luciría máis cá xesta. Cando están en esplendor, non hai flores máis lindas cás do toxo, a xesta e a acacia mimosa, que son plantas en Galicia de bravío. A ninguén se lle ocorre poñer unha xesta ou un toxo no xardín privado e moito menos nun público. De nacer un toxo nun xardín, o concelleiro de parques seguro que lle pon unha multa e logo manda arrincalo, alporizado por semellante intrusión da natureza enxebre.

Non, non se ven toxos nos xardíns de Galicia. Antes de plantar un toxo, o concelleiro de parques plantaría unha flor de plástico ou un cacto. O cacto é algo exótico e curioso. O toxo é, simplemente unha vergonza.

Cando alguén repara no toxo é para darlle un couce ou dicir: Arredemo, canto toxo! Aínda que só fose pola historia, debería haber máis consideración co toxo, pois era fundamental na economía campesiña e aproveitábase de mil maneiras. Agora non sabemos moi ben ó qué facer co toxo, á parte de queimalo e utilizalo como sinónimo de túzaro ou persoa de trato difícil. Así, das persoas mal encaradas dicimos que son «un toxo». A ninguén se lle ocorre declarar o amor dicíndolle á súa prenda «Meu toxiño da alma.» Mais tamén acaería como o mellor símbolo para expresar o amor: a máis fermosa flor enxergada entre espiñas.

De non haber toxo, moitos montes serían pedregueiras, sen posibilidades de rexurdir. O toxo é, sobre todo, o máis fermoso e económico traxe de luces de Galicia. Neste tempo, o toxo orla de ouro os foxos das estradas galegas. Alí onde non hai toxo, máis vale mirar para o asfalto pois reina o lixo e o abandono. Fíxense neste dato. Para limpar as beiras das estradas galegas, a COTOP ten previsto retirar 500.000 toneladas de residuos, o que require un investimento de centos de millóns de pesetas.

O toxo podería resultar dun grande aproveitamento e rendibilidade como fonte bio-enerxética. Mais aquí hai a quen lle dá a risa con esta clase de inventos. Parécenos natural que a auga sexa a principal fonte de enerxía eléctrica, mais se nos falan de toxo semella que nos contan un chiste. Calquera día aparece por aquí un xaponés deses que González Laxe quería ter como socios do progreso galego, e faise con todo o toxo e logo véndeo aquí en forma de quilovatios. E se non, ao tempo.

Pero non só de quilovatios vive o home. O toxo é unha das creacións estéticas máis enxebres de Galicia. Moitos montes cumprirían mellor servizo arborados ou a pasto, pero non é culpa do toxo. Recuperar o sentido da vista sobre Galicia pasa tamén por recuperar o orgullo estético do toxo.

Á parte dos labradores que sabían do seu valor, os únicos simpatizantes do toxo en Galicia foron os poetas e os vellos galeguistas e amantes do folclore que lle chamaban ás súas agrupacións Toxos e flores e cousas así. Habería que fiar máis dos poetas do que a xente fía. Un dos principais deportes culturais en Galicia, á parte de banquetes e de construír bibliotecas sen libros, é meterse cos poetas, mesmo en xentes tidas por cultas. Se polos poetas fose, seguiría habendo cisnes na ría de Ponteceso e promocionariase magnificamente o Camiño de Santiago por todo o mundo falando de Dante e James Joyce, que o citan na súa obra, e non só do centolo de Julio Iglesias. Pero comézase tomando de burla os poetas e remátase poñendo unha esterqueira no cabo de Fisterra.

Os poetas cantaron ao toxo porque teñen o don de mirar con agarimo aquilo que moitos ignoran. Percorrendo o universo do Xallas ou da Costa da Morte un comprende a tensa emoción estética de Eduardo Pondal á vista das lombas douradas polas toxeiras. É coma se viñera Van Gogh e se puxera a pintar, en vivo, sobre o lenzo do monte.

En lugar de silencialo como unha vergonza nacional ou de maldicilo como a expresión vexetal do atraso, deberiamos levar os turistas aos montes do toxo, sobre todo neste tempo en que a chorima os viste de ouro.

O movemento antirracista que reclamou os dereitos civís dos negros fixo popular aquel lema de Black is beautiful. Os probos holandeses, precursores do ecoloxismo, proclamaron aquilo de «o pequeno é fermoso». Por iso os galegos deberían de popularizar entre os seus slogans internacionais ese do toxo is beautiful. 0 toxo é belo!

O toxo é símbolo perfecto da vida humana, esa síntese de espiña e flor. No día de Sant Jordi os cataláns regálanse libros e rosas. Aquí non temos un día para regalármonos nada en público os uns aos outros, aínda que os galegos son máis xenerosos cós cataláns no apartado de pagárense copas entre eles. Pero hai costumes que sería moi positivo copiar, como sería moi positivo copiar algunhas leis. Non entendo eu os cronistas políticos cando critican dun proxecto de lei que sexa un «calco do dos cataláns». Supoño eu que non está mal, nada mal, copiar as cousas que están ben, e ogallá copiarasemos máis, sexa dos cataláns ou dos indios do Amazonas, en lugar de copiar tanto e tanto de Sicilia. Pero volvendo ás flores e ás letras, por que non regalar o 17 de Maio un libro cunha poliña de toxo florido? Ademais do detalle, contribuiriamos a desenvolver a industria editorial e unha nova fonte de ingresos para a necesitada economía rural: a da chorima.

Metamos o toxo nos fogares. Non na cama, pero si ao seu carón, no floreiro da mesa de noite. Levémolo, canda a xesta, aos xardíns galegos. Magoa é que nos poucos parques das cidades galegas non se vexa un carballo nin un castiñeiro, coa grata excepción compostelá da carballeira de Santa Susana. Plantemos, si, camelias e magnolios, esas xoias orientais que a fidalga campiña galega tomou como propias. E plantemos tamén toxo.

O fermoso toxo que vestiría co ouro das chorimas o corazón das cidades desfeitas."

Sen máis...

PD: campaña da CiberIrmandade da Fala e texto de Manolo Rivas

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 2:42:00 da tarde por kaka      1 comentarios

sexta-feira, maio 12, 2006

Parábola do venres: Se feliz


Conta a lenda que un home ouviu dicir que a felicidade era un tesouro. A partir daquel intre comenzou a súa búsqueda. Aventurouse primeiro polo pracer e por todo o sensual, logo polo poder e a riqueza, despois pola fama e a gloria, e así foi percorrendo o mundo do orgullo, do saber, dos viaxes, do traballo, do ocio e de todo canto estaba ao alcance da súa man.

Nun recodo do camiño viu un letreoro que dicía: "Quédanche dous meses de vida".

Aquel home, canso e desgastado polos sensabores da vida díxose:
- Estes dous meses adicareinos a compartir todo o que teño de experiencia, de saber e de vida coas persoas que me rodean.
E aquel buscador infatigábel da felicidade, só ao final dos seus días, achou que no seu interior, no que podía compartir, no tempo que lle dedicaba aos demás, na renuncia que facía de si mesmo por servir, estaba o tesouro que tanto anhelara.

Comprendeu que para ser feliz precisábase amar; aceptar a vida como chega; desfrutar do pequeno e do grande; coñecerse a un mesmo e aceptarse así como se é; sentirse querido e valorado, pero tamén querer e valorar; ter razóns para vivir e agardar e tamén razóns para morrer e descansar.

Entendeu que a felicidade brota no corazón, co rocío do cariño, a tenrura e a comprensión. Que son instantes e momentos de plenitude e benestar; que está xunguida e vinculada á forma de ver á xente e de relacionarse con ela; que sempre está de saída e que para tela hai que gozar de paz interior.

E na súa mente recordou aquela sentencia que di:

"Canto gozamos co pouco que temos e canto sufrimos polo moito que devecemos."

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 7:02:00 da tarde por kaka      0 comentarios

quinta-feira, maio 11, 2006

Aniversario de Javi


Esta vez quero aproveitar para felicitar a Javi, que aínda que xa o fixen en persoa, non vai ser menos e merece unha entrada coma os demais. Eu xa llo vou dicir ao meu xeito xa tradicional:


¡¡Parabéns!!

Que cumpras moitos máis, que medres moito, teñas un bo ano que che vaia mellor, sexas feliz e todo iso que se adoita dicir nestes casos...

Veña, a ver que se facedes o mesmo e vos portades aquí co amigo...

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 11:46:00 da tarde por kaka      2 comentarios

domingo, maio 07, 2006

Guiñoles: Amo a Laura


Entereime que hoxe, o 7 de maio, é o día internacional da risa (gracias ao compañeiro de GUAUGUAU). Polo que agora teño outro motivo máis para poñervos unha paradia do anuncio da MTV que vos deixei onte. Espero que vos guste.



Pero si dicir que, como o contido do video entra no ámbito político, non é representativo dos meus ideais ao respecto nin tenta ferir a sensibilidade de ninguén, e no caso de que así aconteza o responsábel deste blog declara que non é a súa intención e roga o disculpen os posíbeis afectados.

Sen máis...

PD: video achado no blog de Atún tun tun...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 7:18:00 da tarde por kaka      1 comentarios

sábado, maio 06, 2006

Amo a Laura


Se o fin de semana pasada lle tocaba ao mítico José Tojeiro, agora é o turno da nova gracia de moda, o novo anuncio da MTV que vos deixo aquí. Que vos preste moito.


Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 1:02:00 da manhã por kaka      0 comentarios

sexta-feira, maio 05, 2006

Parábola do venres: O verdadeiro valor do anel


Bueno, hoxe deixovos aquí a parábola que máis me gusta dese libro meu que algún xa coñece (o de Diógenes e o prostíbulo... que xa vos porei outro día).

- Veño aquí, mestre, porque me sinto tan pouca cousa que non teño forzas para facer nada. Dinme que non sirvo para nada, que non fago nada ben, que son un desastre e moi idiota. ¿Como podo mellorar?¿que podo facer para que me valoren máis?
O mestre, sen ollalo, di:

- Síntoo moito, mais non te podo axudar, debo resolver primeiro o meu propio problema. Talvez despois.
E facendo unha pausa falou:

- Se ti me axudases, eu podería resolver este problema con máis rapidez e despois talvez poida axudarte.

- Claro, mestre -
tatexou o rapaz.
Mais se sentiu outra vez desvalorizado e as súas necesidades postergadas.

- Ben - continuou o mestre. O mestres quitouse un anel que levaba no dedo menique da man esquerda e, dándollo ao rapaz, engadiu -: Colle o cabalo que está aí fóra e vai ata o mercado. Debo vendelo porque teño que pagar unha débeda. É preciso que obteñas por el a máxima suma posíbel, mas non aceptes menos dunha moeda de ouro. Vai e volta con esa moeda o máis rápido posíbel.

O rapaz tomou o anel e partiu. Apenas chegou ao mercado comezou a ofrecer o anel aos mercaderes, que o miraban con algo de interes, ata que dicía canto pedía por el.

Cando o mozo mencionana a moeda de ouro, algúns rían, outros viraban a cara, mais só um velliño foi amábel para explicarlle que unha moeda de ouro era demasiado valiosa para entregala a cambio dun anel.

Tentando axudar ao rapaz, chegaron a ofrecer unha moeda de prata e un caldeiro de cobre, mais o mozo seguía as instrucións de non aceptar menos dunha moeda de ouro e rexeitaba as ofertas.

Despois de ofrecer a alfaia a todos os que pasaran polo mercado, abatido polo fracaso montou no cabalo e voltou. O rapaz desexou ter unha moeda de ouro para poder mercarlle el mesmo o anel, e liberar da preocupación ao seu mestre, para recibir ao fin axuda e consellos.

Entrou na casa e dille:

- Mestre, síntoo moito, mais é imposíbel conseguir o que me pediu. Talvez puidese conseguir 2 ou 3 moedas de prata, mas non penso que se poida enganar a ninguém sobre o verdadeiro valor do anel.
- Iso que dixeches é moi importante, - contestou sorrinte - debemos saber primeiro o verdadeiro valor do anel. Volve a montar no cabalo e vai ata o alfaiate. ¿Quen mellor para saber o valor exato do anel? Diga que quere vender o anel e pregunte canto che dá por el. Mais non importa canto che ofreza, non o venda. Volta aquí co meu anel.

O rapaz foi ata o alfaiate e deulle o anel para examinar. O alfaiate examinou o anel cunha lente, pesouno e dixo:

- Diga ao seu mestre, se quere vendelo agora mesmo, que non podo darlle máis que 58 moedas de ouro.

- ¡¡58 MOEDAS DE OURO!!! -
exclamou o mozo.

- Si, - replicou o alfaiate - eu sei que con tempo poderíamos obter cerca de 70 moedas, pero se a venda é urxente...
O rapaz correu emocionado á casa do mestre para contarlle o acontecido.

- Senta - dixo o mestre despois de ouvir ao mozo -. Ti es coma ese anel, unha alfaia valiosa e única. E como tal, só pode avaliarte un verdadeiro experto. ¿¿Por que vas pola vida pretendendo que calquera descubra o seu verdadeiro valor??

Sen máis...

Etiquetas:

Califica esta entrada:

 Esbardallado ás 8:51:00 da tarde por kaka      1 comentarios

CiberIrmandade

UNA VIÑETA CADA DÍA